top of page

"A santiña das portas"

“A santiña das portas”, Santa Mariña de Vilameñe.É esta unha tradición realmente curiosa e que, ademais, trato con especial cariño por tratarse de Vilameñe, a parroquia na que nacín, na que me criei e na que vivo. É unha pequena talla de madeira que vai, continuamente, de viaxe por todas e cada unha das casas da parroquia, sen esquecer ningunha.A parada media en cada pousada é de dous ou tres días, e dado que só somos vintetrés familias, cada máis ou menos dous meses vén de visita. Ten unha pequena hucha onde botar unha esmola, e ó final de cada volta ábrese e xúntase o acadado para cousas da igrexa ou da parroquia.Hai constancia desta práctica noutras parroquias de Taboada e tamén noutros concellos limítrofes, como Antas de Ulla, máis en tódolos casos a tradición perdeuse, pero aquí segue vixente.Cando lle preguntei á veciña máis maior do lugar, Sara, de 94 anos, se podía ter idea de canto tempo levaba a “santiña das portas” circulando polas casas da parroquia, a súa resposta foi clara: “Ai filliño, eso só ela cho sabe. Meu bisavó xa a acordaba de toda a vida, asique mira ti os anos que pode haber…”

bottom of page