top of page

Igrexa de Santa Mariña de Cerdeda

Cómpre dicir que o primeiro núcleo cristiano do que se ten constancia en Cerdeda surxiu a carón do castro de Carboeiro (lugar pertencente hoxendía á parroquia de Cerdeda). Ó pé deste castro existiu, en tempos, a igrexa de San Verísimo (o San Vreixo galego), que daba servizo ós fregueses das actuais parroquias de Bouzoa e Cerdeda. Dan fe da existencia desta igrexa no castro do Carboeiro documentos na segunda mitade do século XII recollidos na “Colección Diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira”. Cómpre salientar que, actualmente, as parroquias tanto de Bouzoa coma de Cerdeda teñen completamente esquecido ao seu antigo titular, San Vreixo.

Unánimemente, dátase esta igrexa da segunda mitade do século XII, e hai que dicir que conserva toda a súa planta e fábrica románica, agás a sacristía e a fachada, que son recentes. Do seu interior románico, ademais do arco triunfal, hai que destacar o arco de medio punto da porta norte; tamén o abocinado oco cuberto cunha bovedilla semicircular; as dúas fiestras saeteiras co típico derrame interior para producir o propagamento da luz.

Outra cousa moi destacable é a presenza de dúas alacenas excavadas en cada un dos muros laterais do ábside-presbiterio. Outro aspecto a ter en conta desta igrexa, esta volta no exterior da mesma, é a gran colección de canzorros labrados que sosteñen todo o aleiro absidal e o muro norte, namentres que os do muro sur son lisos, resultando unha igrexa cun gran valor escultórico, aínda que en certo modo, tosco e rudo.

XEOLOCALIZACIÓN

bottom of page