top of page

Igrexa de Santa María de Taboada dos Freires

A igrexa desta parroquia data do ano 1190.Ten unha ubicación moi particular, xa que está encravada nun reducido espazo rectangular, cuios catro ángulos son ocupados por cadanseu castro: o do Carboeiro (na actual parroquia de Santa Mariña de Cerdeda), o de San Lourenzo de Gondulfe, o de Santa María de Piñeira e o de Cumbraos, na parroquia de Mato.Que a súa titular sexa Santa María danos unha idea moi clara da temperá cristianización.Esta parroquia ten unha orixe monacal moi clara, e hai dúas evidencias que o demostran. A primeira delas, o nome, indicativo de que aquí en tempos houbo freires; mentres, a segunda evidencia é documental. O filólogo Vázquez Saco fala do seguinte xeito ao citar esta igrexa: “El año 1233, el obispo don Miguel y su cabildo firmaron una concordia la Orden del Temple que celebraba en Benavente capítulo general, sobre los derechos episcopales en las iglesias que los templarios poseían en la diócesis, entre las que se cita la de Taboada dos Freires”. Neste punto cabe recordar que a orde templaria foi fundada en Xerusalén no ano 1119, mentres que en España aséntase no 1172; é aínda hoxe un misterio como tomaron posesión deste mosteiro en Taboada dos Freires, pero sen dúbida foron eles quen no ano 1190 ordeáronlle ao Mestre Pelaxio que construise esta igrexa

Resulta tarefa imposible determinar con exactitude en que data se ergueu aquel primeiro mosteiro de freires que logo pasou a ser propiedade dos templarios, máis a súa titular, Santa María, relévanos gran antigüidade.Hai que ter en conta que a evanxelización no rural galego se fixo desde estes centros monacais, onde os monxes atendían espiritual e culturalmente non só á veciñanza do núcleo no que se atopaban, senón tamén á das parroquias e lugares do arredor. É por isto que nestas outras aldeas ían surxindo igrexas filiais de menor rango, o que se mantén na actualidade, alomenos eclesiásticamente, e que son as parroquias coñecidas como anexas, filiais ou unidas. É a igrexa de Taboada dos Freires de fábrica románica, a cal se conserva en gran parte, e aínda conserva a pegada templaria.

Esta fábrica románica consérvase intacta ata, parece ser, o 1927, ano no que se efectúan diversas obras e reformas que afectan, en maior medida, á fachada e ó presbiterio. Hai moitos elementos románicos que aínda hoxe podemos ver nesta igrexa, entre os que destacan os muros, os canzorros ou o dintel monolítico en forma de arco; este dintel parece de dúas pezas, pero confirma que é dunha soa peza a existencia dunha cruz moi característica, xa que é moi pouco común a forma que ten cos brazos redondeados. É máis que probable que intente recordar á cruz da Orde do Temple, a chamada Cruz Teutónica. Sen embargo, o verdadeiramente importante desta cruz é o que colga do seu brazo transversal esquerdo, un enxamio de abellas, o que está moi relacionado co elemento románico principal desta igrexa, máis que coñecido e sobre o cal versa moita bibliografía, e que non é outro que o tímpano que hai enriba da porta principal da igrexa.

Este tímpano ten un gran contido epigráfico que se resume en tres partes: a primeira parte é o nome e apelido do mestre canteiro que o gravou, Pelagius Johannes (Pelagio Yáñez).A segunda parte do contido epigráfico deste tímpano recolle o nome da financiadora e a mención dos freires. A última parte recolle a data de dedicación. O que se pode ler é: “Pelagio Yáñez, o mestre que escribiu. En honra de Santa María. Eldara. Construiu o templo, os freires dedicárono en nome de Xesucristo noso señor. Na era de 1228 (ano 1190) un día antes das Nonas de Maio (6 de maio)”. O contido iconográfico deste tímpano sempre se vinculou á bíblica escea de Sansón estrangulando a un león. O historiador López Pacho vincula a relaciona a Sansón con Cristo, e foi tamén o primeiro que reparou na cruz da que colga un enxamio de abellas, o cal está moi relacionado coa escea de Sansón, xa que este unha vez que estrangula ó león, de alí a un tempo pasa por onde debía estar o seu cadáver, e sobre el hai un enxamio de abellas que colle nas súas mans e do cal se alimenta. “Bajó Sansón a Timna, cuando al llegar a los olivares de Timna le salió al encuentro un joven león rugiendo. Apoderóse de Sansón el espíritu de Yahvé; y sin tener nada a mano, destrozó al león como se destroza un cabrito (…)”. “Tiempo después, bajando para desposarse con ella, se desvió para ver el cadáver del león, y vio que había un enjambre de abejas con miel en la osamenta del león. Tomóla con sus manos y siguió andando y comiendo; y cuando llegó a su padre y a su madre, les dio de ella, sin decirles que la había tomado de la osamenta del león, y ellos la comieron” (Libro de los Jueces,XlV,5-6 y 8-9).

XEOLOCALIZACIÓN

bottom of page