top of page

 Igrexa de Santa María de Piñeira

É a parroquia actualmente coñecida como Piñeira dunha época anterior a Cristo, feito do cal dá constancia a existencia dun castro no lugar de Aldea, preto do cal se atopan as medorras, o que dá idea da existencia alí dun cemiterio ou necrópole. Existen hoxendía múltiples vestixios da etapa de romanización, como por exemplo as moas de muíños atopadas en devandito castro ou incluso nalgunha propiedade privada.

É segura nesta parroquia a coexistencia de dous mosteiros diferentes, un de monxes e outro de monxas. A proba evidente que dá fe desto é a toponimia existente: “Mosteiro” e “San Salvador”. En Mosteiro é onde se ubica a actual igrexa, adicada a Santa María, que é do século XIII. Sen embargo, o topónimo de San Salvador vai unido á idea da existencia dun mosteiro de monxas, do que hai coñecemento grazas a un topónimo de menor rango, “Adral”, que fai referencia a un espazo existente entre as casas do lugar. Asimesmo, hai tamén unha pía de auga bendita nun valado próximo á ubicación deste Adral.

Da igrexa de Santa María de Piñeira o que destaca en primeiro lugar é o seu maior tamaño respecto doutras construcións románicas da contorna, o que sen dúbida denota a súa orixe monacal. Esta igrexa conserva intacta a súa fábrica primitiva, agás a parte frontal, que é moderna.

O aleiro apóiase sobre canzorros moi ben definidos de variados debuxos: xadrezado, cabezas humanas, distintas formas xeométricas, etc.

Tódalas fiestras teñen o característico derrame interior tan propio da época románica, co fin de multiplicar a luz que entra a través das fiestras e das aspilleiras. Un elemento sen dúbida reseñable é a porta principal, non pola súa decoración, que é, coma o resto da igrexa típicamente romana, senón polo súa desmesurada altura en relación ao ancho: isto reforza considerablemente a idea da súa orixe monacal, posto que as procesións nos mosteiros formaban parte do ritual litúrxico, e sempre ían encabezadas pola gran cruz procesional, o que sen dúbida motivou que se lle dera tanta altura á porta.

O ábside é a parte máis recoñecible e máis significativa da igrexa; ten un tramo recto e outro coa forma dunha cabeceira semicircular.

Outro elemento moi salientable nesta igrexa é a existencia no seu interior dun gran dosel ou baldaquín, apoiado sobre catro columnas, e debaixo do cal se atopa un altar. A esto, en orixe, dábaselle o nome de ciborio, e de todos cantos quedan completos en Galicia, o de Santa María de Piñeira atópase, desde logo, entre os máis reseñables.

XEOLOCALIZACIÓN.

bottom of page