top of page

Igrexa de San Xoán de Bouzoa

O primeiro núcleo cristiano de Bouzoa foi a igrexa existente no castro do Carboeiro. Ó pé deste castro existiu en tempos a igrexa de San Verísimo (San Vreixo en galego), que daba servizo ás actuais parroquias de Bouzoa e Cerdeda. Dan fe da existencia desta igrexa documentos da segunda metade do século XII da“Colección Diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira”. Hai que dicir que hoxendía nin os fregueses de Bouzoa nin os de Cerdeda lle renden culto a San Verísimo, ou san Vreixo, como se lle queira chamar. A igrexa de Bouzoa está adicada a San Xoán; atopámonos fronte a unha elegante edificación do románico rural, que mantén case na súa totalidade a fábrica primitiva, agás a sacristía, que é máis recente.

Unánimemente, dátase esta igrexa da segunda metade do século XII, ó igual cá súa “irmá xemelga” de Santa Mariña de Cerdeda. Esta igrexa, na súa orixe, presentaba unha harmonía arquitectónicamente perfecta, anque hai que dicir que ten dous “erros”, un na obra orixinal e outro na aumentada. O primeiro deles é unha fiestra aberta no muro sur do ábside, que non garda relación co resto da obra, xa que é demasiado grande respecto do tamaño da igrexa; mentres que o outro erro provén da construcción aumentada, que foi darlle demasiada altura á sacristía, co cal non se deixa ver boa parte do tellaroz absidal e que contrasta moito coa estrutura tan fielmente románica de toda a igrexa. Nos dous muros laterais ábrense fiestras-aspilleiras, que polo lado exterior son lisas e no interior teñen o típico derrame románico, para propagar a luz que entra a través das aspilleiras, mentres que o tellaroz susténtase sobre elegantes canzorros en forma de proa.

Cómpre asimesmo destacar as dúas portas, tanto a principal como a norte, que son elementos plenamente románicos na súa decoración, con arcos de medio punto e capiteis xemelgos. Hai que salientar tamén a fiestra do muro testeiro, moi románica, na que só os capiteis se apartan da escultórica predominante, xa que representan toscamente unha parexa de animais xuntando as cabezas.

XEOLOCALIZACIÓN

bottom of page