top of page

 Igrexa de San Xián de Campo

A xustificación do nome desta parroquia provén, probablemente, da santificación dun simple entorno natural, é dicir, que o culto ó medio no que se vive ou ó entorno no que se habita foi sacralizado e deseguido cristianizado. No lugar onde se ubica a igrexa hoxendía é certo que existe un “chan amplo” (traducción literal de “campus”=campo), ocupado por soutos con centenarios castiñeiros. A dedicación a San Xián, un topónimo moi posterior ás igrexas do arredor (Santa María, San Xoán, etc.) pode ser debido á fama e ó auxe que daquelas tiña o santo nado en Antioquía, na actual Siria, de quen se dicía que era tan duro e esixente consigo mesmo como benévolo cos seus semellantes, e que mesmo chegou a ser decapitado polo xeneral Marciano por non renunciar en ningún momento ás súas crenzas.

Temos constancia da existencia desta vila chamada Campo xa no ano 786, no Testamente Odoariano, aínda que é certo que hoxendía non hai nesta freguesía ningún lugar que conserve o primitivo nome, só a parroquia. Antigamente, esta freguesía pertencía á veciña parroquia de Santa María de Castelo. Sabemos que o primeiro párroco desta parroquia foi Martinus Petri, xa que así aparece no CODIOS no ano 1249. Hai que dicir que esta igrexa era totalmente románica pero algunha que outra desafortunada reforma no século XIX deixou só como románica a fachada, algúns muros da nave e mailo testeiro do ábside. Os seus elementos máis relevantes son a porta da fachada e a fiestra absidal. A porta ten unha decoración plenamente románica, con arquivoltas, arcos, capiteis e un tímpano semicircular cunha cruz moi típica (catro semicírculos que xuntan os seus extremos dous a dous e se superpoñen sobre un círculo).

A fiestra absidal é saeteira, e exteriormente ten unha moldura xadrezada que se prolonga cara abaixo en ángulo recto, mentres que as súas dúas columnas son típicamente románicas. Da fábrica primitiva da igrexa consérvase a primeira e a última parte dos muros da nave, mentres que o tellaroz se apoia sobre canzorros con decoración en forma de quilla.

Preto da igrexa apareceron, non hai moitos anos, catro tumbas antropoides, que se di puideron pertencer ós señores da vila de Campo, xa que cerca da igrexa aínda hai unha casa que, aínda que moi modificada, conserva a planta cadrada das antigas torres. Tamén se descubriu recentemente no interior da igrexa unha pintura, xa bastante deteriorada, que representaba a San Blas, e que unánimente se data entre os séculos XVI e XVII. O proceso de romanización desta parroquia está certificado, ademais de pola igrexa, polos lugares de Buin, Moure Grande e Moure Pequeno.

XEOLOCALIZACIÓN

bottom of page