top of page

 Igrexa de Santa María de Castelo

Nesta parroquia hai sinais de vida dende os tempos prehistóricos ata o románico, que foi cando se construiu a igrexa na honra de Santa María. Hai cámaras sepulcrais precastrexas e, sobre todo, un extraordinario castro sobre o cal hai moitísimas lendas e no cal cada 7 de setembro se fai a máis que popular Queima das Fachas, que é a que marca o comezo das festas de Castelo. Hai tamén vestixios visigóticos que se amosan no nome de dous lugares pertencentes a esta parroquia, como son Faquiós e Frameán, mentres que do proceso de romanización danos fe o lugar de Ider. Do lugar de Castelo propiamente dito temos constancia por primeira vez xa no ano 747, no xa célebre Testamento Odoariano.

Parece que hai unanimidade á hora de situar a data de construcción desta igrexa na segunda metade do século XII., e parece evidente tamén que este templo chegou ós nosos días sen moitas alteracións na fábrica primitiva, xa que só tres elementos pertencen a unha reforma posterior, concretamente do século XVIII, que son a espadaña, a sacristía e o alongamento do presbiterio, moi desafortunado por certo. Hai nestra igrexa catro elementos románicos principais e que constitúen o principal atractivo desta freguesía de Santa María de Castelo. O primeiro deles é a porta principal, coronada por dúas arquivoltas en arco de medio punto. Teñen o seu interese tamén nesta porta os catro capiteis que a sosteñen, que aínda que suxiren todos eles a idea de estilización, son entre si moi diversos, tanto na feitura como na decoración. É necesario tamén destacar a mensaxe que hai no tímpano, situado enriba desta porta principal, no que hai escritas unha serie de pasaxes bíblicas que falan acerca da humana natureza de Cristo.

O segundo elemento importante desta igrexa é a porta sur, que é moi parecida á principal en canto a decoración e construcción, só que máis pequena en tamaño

É moi relevante tamén o que no seu día foi a fiestra absidal. A pesares de que foi moi desafortunada a obra de ampliación do presbiterio, este elemento románico foi trasladado na súa totalidade ó muro testeiro da nova obra, feito que nos permitiu conservar unha das máis importantes fiestras absidais do románico na provincia de Lugo. Nos seus dous capiteis represéntanse dúas aves, moi diversas iso si, tanto na feitura como no valor artístico, xa que unha delas dá mostra da participación dun excelente mestre canteiro na construcción desta igrexa, namentres que a outra é moi máis tosca e moito menos estética.

O outro elemento románico de relevancia é o arco triunfal, composto por unha dobre arquivolta de sección rectangular e con aristas vivas; o arco interior carece de decoración e sinala xa un certo apuntamento, mentres que o exterior ten os mesmos motivos ornamentais xeométricos que ámbalas dúas portas. Os dous capiteis están decorados con follas moi diversas. Tamén é relevante a existencia de dúas pías, unha bautismal e outra de auga bendita, claramente románicas.

XEOLOCALIZACIÓN

bottom of page